Uxía & Narf

UXÍA

Uxía é a gran dama da música galega. Ademais de ser probablemente a súa cara máis coñecida, é produtora e ten promovido infinidade de iniciativas musicais e culturais como o Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na Maré”. Desde o seu debut con “Foliada de Marzo” en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes. Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria.

Nese mesmo ano publica “Entre cidades”, e catro anos despois, “Estou Vivindo no ceo”, disco moi valorado pola crítica que afianza a súa proxección internacional. En 1997 edita xunto ás cantantes Rasha (Sudán) e María Salgado (Castela) e o guitarrista Cuchús Pimentel “La sal de la vida”, un disco marcado pola diversidade e polo cruce cultural. Xa en 2000 publica “Danza das areas”, traballo que representa un punto de inflexión no seu camiño con composicións propias e sons máis contemporáneos. Ademais, promoveu a creación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés e participou en numerosas experiencias musicais con artistas do talle de Tito Paris, Jessie Norman, Dulce Pontes, Noa, João Afonso ou Chico César, entre outros. Co disco, “Eterno Navegar”, percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista. Co seu máis recente “Meu Canto”, Uxía sigue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil.

 

NARF

É Narf un compositor e cantor de longo recorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. Gústalle definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou catro discos como NARF, “Nas tardes escuras” (El patito editorial, 2013), con poemas de Rosalía de Castro; “Aló irmao” (Falcatruada, 2010) con Manecas Costa; “Tótem” (Falcatruada 2007) e “Directo en Compostela” (Changüí, 2003). Tamén compartiu disco e xira por España co proxecto ‘Mundo café’ xunto cos músicos Jabier Muguruza e Miquel Gil.

En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Cambio Sonoro (Recife), Antídoto (Sao Paulo), varias edicións do Festival d’Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na Maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres), Feira do Libro (La Habana) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en Linguas Minorizadas Europeas. Levou tamén a súa música a escenarios de Bissau, Varsovia, Nova Delhi, Katmandú, Brighton, Barcelona, Cracovia ou Newcastle.

Ademais foi fundador da Sala Nasa e membro de grupos como a Psicofónica de Conxo, Os Kinindiola ou Nicho Varullo. Tamén compuxo para teatro e para obras audiovisuais, acadando múltiples premios.

Uxia-Narf